O 50% do alumnado do Obradoiro de Hostalería do Salnés rematou a súa formación cun contrato na man

SANXENXO> Hoxe clausurouse a decimo cuarta edición do Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés. Vinte alumnos remataron hoxe a súa formación, logo de doce intensos meses nos que a parte práctica tivo un peso fundamental. Moitas propostas que tiveron lugar nas súas instalacións en Sanxenxo, pero tamén por tódolos concellos da comarca, como showcooking ou colaboracións con diferentes eventos gastronómicos.

Os 20 alumnos do Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés despiden hoxe a súa aprendizaxe. Esta mañá tivo lugar o acto de clausura desta décimo cuarta promoción dun dos referentes formativos da comarca.

A presidenta da Mancomunidade, ademais de salienta-la cooperación entre as diferentes administracións, destacou a importancia do obradoiro para un sector fundamental para a comarca como é o turismo.

Unha formación que ten un parte práctica moi ampla. Durante este curso, o alumnado desenvolveu diversas prácticas aquí, nas súas instalacións de Sanxenxo, pero tamén por toda a comarca, a través de showcooking ou colaboracións con diferentes eventos festivos e gastronómicos.

Unha aposta pola práctica que se traduce en datos moi positivos para o alumnado. Nestes momentos o 50% do alumnado xa ten nas súas mans un contrato de traballo, coa expectativa de que a outra metade vaia atopando un emprego nas vindeiras semanas.

O obradoiro apaga polo momento os seus fogóns, pero por pouco tempo. A Xunta xa lle deu o seu visto bo á décimo quinta edición. En breve anunciarase a convocatoria e os prazos de solicitude de praza e inicio da actividade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí