VILAGARCÍA> Pouco a pouco vaise completando o cartel da Arousa Futbol 7. Onte deuse a coñecer o nome doutro equipo convidado a xogar a fase final. Por primeira vez na súa historia, o torneo abre as súas portas a un conxunto asiático. O Omiya Ardija xaponés estará na Lomba do 14 ó 16 de maio.
O Omiya Ardija será o primeiro equipo xaponés e asiático que acuda ó Torneo Internacional alevín Arousa Futbol 7. Así o confirmou o comité organizativo na tarde de onte.
O Omiya é un club pertencente á cidade de Saitama, que posúe algo máis dun millón de habitantes. O seu primeiro equipo actúa na máxima categoría nipona dende o 2004. Se por algo se caracteriza este club é polo seu bo tratamento da base. A súa canteira está considerada como unha das máis prolíficas do futbol asiático. Ademais organizan o torneo máis importante de categorías inferiores en Xapón.
A aposta saíulle redonda á organización xa que o gran ‘pero’ podía ser o custe da viaxe ata Vilagarcía, algo do que se encargará o propio Omiya Ardija.
Con esta contratación feita pola Arousa Futbol 7, o torneo dá un salto de calidade para ser recoñecido como un dos mellores do mundo, senón o mellor, para categoría alevín. En quince anos deu tempo a ver na Lomba non só o mellor de Galicia e de España, senón de Europa e Sudamérica. A presencia de equipos brasileiros, africanos e quizais algún máis dende o futbol inglés, pode ser o seguinte paso a dar para seguir medrando.
O certo é que o cartel pouco a pouco se vai completando e de momento convértese nun dos máis apetecibles da historia do torneo. Do 14 ó 16 de maio comprobarase na Lomba quen é o que merece levarse o título á súa casa.
Redacción Salnés