NOIA> Satisfacción esta mañá entre os mariscadores de Noia, o paraíso do berberecho, trala apertura da campaña extractiva nesta ría. Os mariscadores de a flote conseguiron sen dificultade capturar os topes permitidos nesta primeira xornada, non tiveron a mesma sorte os de a pe.
Desde o cabido vaticinan unha temporada regular, pero non tan boa como a do ano pasado. Os produtores da ría de Muros e Noia, o maior banco natural de berberecho de tódalas rías, agardan como auga de maio a xornada de hoxe. É sen dúbida, a data máis esperada polo colectivo, posto que arredor de 1.600 persoas comezan a temporada na que deben conseguir os ingresos para vivir todo o ano. a actividade nas concesións do pósito noiés é das máis importantes de Galicia, polo nmero de traballadores que baixa aos areais. Só os socios da entidade noiesa son xa 1.320, entre mariscadores de a pe e de a frote. Ademais, hai un número importante de produtores de a frote procedentes de confrarías limítrofes, con permiso de explotación para faenar nos areais noieses. Ás dez e media da mañá comezaban a chegar á lonxa os mariscadores de a frote. Facíano contentos, aínda que o listón da campaña do ano pasado estaba moi alto, e era imposible de superar.Iso si, o estado do bivalvo e o tamaño do produto é satisfactorio. Non tiveron a mesma sorte os mariscadores de a pe. Desde o pósito, son positivos coas expectativas da campaña que hoxe comeza e durará previsiblemente ata o mes de marzo. Mañá volverán saír ao mar á mesma hora, porque o primeiro día é importante, pero o esencial é que o mar siga traendo a satisfacción de hoxe todo o resto da temporada.