Máis dunha vintena de comercios participarán no ‘Superofertón’

    NOIA> Tras a boa acollida do ano pasado, a asociación de comerciantes Noia Histórica volve repetir o Superofertón, unha feira de oportunidades nos propios establecementos. Será do 29 ó 31 de agosto.

    O venres 29 dará comezo a segunda edición do Superofertón, baixo o lema “moda, calzado e complementos a prezo de feira”. Durante tres días, os 22 comercios participantes ofrecerán verdadeiras gangas, alcanzando inclusive descontos do 80%. Pablo Hermo, vicepresidente de Noia Histórica, destacou os bos resultados da primeira edición, realizada o ano pasado. Esta feira aforra o custe de instalar carpas ou stands, ademais convida a pasear polo casco histórico durante unha xornada de compras. Para identificar os comercios participantes, haberá colocados identificativos coma este nos escaparates. A maiores, instalaranse no Curro e no Cantón dous carteis coa relación de negocios que conforman o Superofertón deste ano. Os comercios abrirán durante todo o día, agás o domingo que pecharán as portas pola tarde.