O Arousa mide forzas cun Arenteiro de 2ª Autonómica

arousa250_070410.jpgSALNÉS> O Arousa xógase esta noite boa parte das súas opcións de ascenso á Terceira. Enfróntase ó Arenteiro, en partido correspondente á xornada 26, aprazado no seu día polo mal estado do terreo de xogo. Os vilagarciáns non deberían pasar apuros para gañar hoxe xa que o seu rival xoga dende hai dúas semanas co plantel do filial.

Arenteiro e Arousa tiñan que enfrontarse o 28 de febreiro. Por aquel entón os de Carballiño pensaban no ascenso, para os vilagarciáns era unha utopía. O mal estado do campo do Espiñedo fixo que se adiase o choque. Para moitos no seo do Arousa foi un aprazamento inaceptable no seu día, pero agora frótanse as mans.

Seis semanas despois as cousas cambiaron radicalmente. Os de Ricardo son cuartos e de gañar situaríanse terceiros, a un punto do ascenso con sete partidos por diante nos que se debe enfrontar a catro rivais directos: Portonovo, Porriño, Estradende e Choco, co que pechará a liga. Todo por decidir por tanto, pero opcións moitas, sobre todo porque o equipo vese lanzado neste tramo final e a confianza será un factor clave.

As opcións aumentarán ou diminuirán se son quen de vencer hoxe nun encontro trampa. Se non aparece a relaxación o triunfo non se lle debería escapar. E é que o Arenteiro xa non é o que era. Os xogadores, fartos de non cobrar, esixiron a dimisión da directiva. Totalmente entendible, porque a maioría deles procedían da Terceira, do Verín, no que a pasada campaña pasaron pola mesma situación de impagos. De feito, quen o está a pagar este ano é o club, que descenderá a Preferente. Pero a directiva do Arenteiro non só non dimitíu, senón que botou á rúa a plantel e corpo técnico unha vez tiveron atada a permanencia. Por iso actúan dende hai dúas semanas con xogadores que proceden do filial, de Segunda Autonómica, e do xuvenil. Ata o momento xogaron dous partidos e nos dous perderon, pola mínima, ante Caselas e Celanova. Por iso mal faría o Arousa se se confiase. As ligas, os ascensos e os descensos decídense neste tipo de partidos.

Para o choque Ricardo non poderá contar con Pablo, que está sancionado, nin con Pascal e Alex, ambos lesionados. Iso sí, recupera a Cobas e Óscar, mentres que Vixo tamén podería entrar no once despois de tres semanas no dique seco.

Redacción Salnés