O Urbapaz de Fran Edreira faise coa Regata Mar de Fisterra-Tofeo Pitusa Sabín

PORTO DO SON> A regata, organizada polo Real Club Náutico Portosín, era a segunda proba puntuable do Trofeo Presidente Xunta de Galicia.

Unhas trinta embarcacions pertencentes a diferentes clubs de toda a comunidade tomaron parte esta pasada fin de semana na Regata Mar de Fisterra Tofeo Pitusa Sabín disputada en augas da ría de Muros Noia, baixo a organización do Real Club Náutico Portosín e a Real Federacion Galega de Vela.

O feito de ser ademais a segunda das probas puntuables para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia fixo aumentar tamen o nivel dos barcos participantes.

A xornada do sábado estivo moi condicionada polo escaso vento e a densa néboa, polo que o Comité de Regatas tivo que tomar a decisión de suspender a subida ata a Enseada de Fisterra. Acabou  disputándose un trazado costeiro de menos millas polo interior da ría, con dúas voltas para os dous Grupos de ORC, e unha para os Open, resultando como líderes provisionais o Urbapaz, o Kanala e o Entropía, respectivamente.

O domingo as condicións no mar para a navegación a vela melloraron significativamente, disputándose dúas mangas, tipo barlovento-sotavento para os ORC, cunha distancia total de 8 millas por proba. Mentres que para os Open trazouse unha costeira, con saída o través da praia de Aguieira.

Na División agrupada dos ORC 1-2-3, vencía o Urbapaz, de Fran Edreira, do Club Marítimo A Penela, que tamén se facía coa xeral da Mar de Fisterra – Trofeo Pitusa Sabín. A segunda posición foi para o barco da Armada Española, o Mirfak, patroneado por Diego López, e terceiro lugar entrou o Bon III, de Víctor Carrión, do Club Náutico Punta Lagoa.

Nos ORC 4-5, o trunfo foi para o Sadamar Alma do Mar, de José Enríquez, do Club Marítimo A Penela. O Raygrass III, de Tom Núñez, do Club Marítimo Carrumeiro, ocupaba a segunda praza e o bronce era para o Kanala, de Ignacio Ecenarro, do Real Club Náutico de Portosín.

Nos Open a vitoria final foi para o Atlante, de Ignacio Hermo; o segundo posto foi para o Entropía, de Jorge Arán e en terceiro lugar quedaba o Lubeca, de Manuel Antonio Calo.