![]()
O GROVE> Cabo de Cruz conseguiu a súa terceira vitoria da tempada en augas do Grove. O Porto Deportivo de Pedras Negras foi o escenario escollido polo Club de remo Mecos para organizar esta regata da Liga Galega de Traíñas, que se disputou onte pola mañá.
A tripulación de Cabo de Cruz seguen demostrando o seu potencial e marcando diferenzas na Liga Galega de Traíñas. Onte conseguiu a súa terceira vitoria da tempada na Bandeira Concello do Grove, disputada en augas do porto deportivo de Pedras Negras.
A embarcación de Boiro participou na terceira tanda, reservada para os cinco primeiros da Liga, e chegou primeira á meta e marcando o mellor tempo das tres quendas. Con esta nova vitoria colócase xa de seis puntos sobre o Náutico de Vigo, na clasificación xeral.
Centenares de afeccionados achegáronse onte á mañá a Pedras Negras para seguir a competición. A embarcación local, Amegrove InterRías, a piques estivo de dar a sorpresa, pese a saír na segunda manga, que gañou. Marcaron moi bo tempo pero finalmente foi superada en 3 segundos na última proba por Cabo de Cruz. Na primeira tanda, venceu como era previsible A Cabana.
A outra embarcación grovense, Mecos Mondariz, tívose que conformar coa cuarta posición. Na xeral, Amegrove acurtou distancias con Mecos (ambos son quinto e sexto), e por detrás está Vilaxoán. Puebla é novena e Rianxo pecha a clasificación.
Redacción Salnés






