O Cambados TM finaliza décimo no Nacional xuvenil

tenisdemesa250_070410.jpgSALNÉS> Coas ligas rematadas, estes días disputouse en Sevilla, máis concretamente na localidade de Burguillos, o Campionato de España en categoría xuvenil. O Cambados TM desprazouse co seu conxunto masculino co que acadou a décima praza por equipos.

Nun campionato dominado con moitísima autoridade polos conxuntos andaluces, o Cambados Tenis de Mesa deu a talla e puido finalizar entre os mellores da competición e como primeiro equipo galego dos que se desprazaron ata Burgillos para disputar o Nacional xuvenil.

O complicado grupo que lles tocou condicionou o resultado final. Perderon ante o Zubia de Granada por 3-1; polo mesmo resultado impuxéronse ó Borges catalán, con dous puntos de Fernando Padín e outro de Eduardo Barreiro. No último enfrontamento de liguiña tiveron diante a un Rivas de Madrid inspiradísimo que lles venceu por 3-0 e obrigoulles a loitar dos postos 9º a 12º. Gañaron o primeiro ante o Club de Mar da Coruña pero caeron fronte o Cai de Zarazoga, que lles relegou á décima praza final.

Nas probas de individuais os resultados foron semellantes. Eduardo Barreiro partía como cabeza de serie e pasou directo ó cadro final onde cedeu ante o granadino Jesús Rodríguez, en oitavos. Dúas roldas antes caeu Fernando Padín, que tivo que pasar unha previa durísima, gañando despois a rivais mellores colocados que el no ranking, polo que realizou un campionato máis que aceptable. Martín Regueiro, Tomás Carbajal e Pablo Regueiro, non chegaron ó cadro final.

Nos dobres, Padín e Barreiro caeron en oitavos ante os que despois se proclamarían campións, os granadinos Julio Reyes e Guillermo Sánchez. O resto de parellas cambadesas, as formadas por Martín Regueiro e Tomás Carbajal e a de Pablo Regueiro co astuariano Alejandro Martínez, non foron quen de acceder ás roldas finais.

Redacción Salnés