O Extrugasa encaixa a derrota máis abultada do ano

baloncesto250_120410.jpgSALNÉS> O Extrugasa encaixou este sábado a derrota máis abultada do que vai de liga. Caeu por 20 puntos na cancha do Caja Rural Zamora. Unha derrota sen demasiada importancia a efectos de clasificación pero que alonxa ás vilagarciáns do primeiro posto.

Entraba dentro do previsto perder en Zamora ante un equipo que se estaba a xogar moito máis. O Extrugasa acudía á cita sen baixas pero con moito cansancio acumulado e sabendo que enfronte tiña un rival como o Caja Rural, un equipazo, candidato a principios de temporada ó ascenso e que agora apura as súas últimas opcións de meterse na fase tras unha primeira volta mediocre.

O partido apenas tivo historia a partir do segundo cuarto. Nos primeiros minutos as de Tito Díaz foron quen de aguantar o tirón incial das locais, pero despois viñéronse abaixo debido fundamentalmente ó desacerto no lanzamento, polo que se foron 42-28 ó descanso.

O 38% de efectividade nos tiros de campo do Extrugasa non foi moito peor que o do Caja Rural, que asinou un 39. No rebote as vilagarciáns superaron tamén ás zamoranas por 43 capturas a 31. A gran diferencia estivo nos lanzamento triples, 13 por 4, e nas perdas de balón xa que as de Tito Díaz perderon a posesión en 21 ocasións. A segunda metade sobrou porque as diferencias mantivéronse sempre por enriba dos dez puntos para o final quedarse nos 20, co 79-59.

A mellor do Extrugasa foi Saray Ruiz con 18 puntos e 10 rebotes, aínda que os minutos estiveron neste encontro moi reparatidos e Tito Díaz deulles bastante cancha a Mallou, Ríos e Nogueira.

Alónxanse da primeira praza da xeral e agora deberán defender a segunda a semana que ven ante o Ensino, que aínda non ten pechada a súa presencia na fase. Agora mesmo, unha victoria separa ós dous conxuntos a favor do Extrugasa que tamén ten do seu lado o basketaverage, xa que venceu en Lugo na ida por 6 puntos de diferencia (53-59).

Redacción Salnés