Tirán domina en O Grove e Náutico de Boiro gaña en Vilaxoán

traineirinas250_040510.jpgSALNÉS> Esta fin de semana deu comezo a temporada de traineiriñas. Fíxoo con dúas probas: a primeira delas o sábado en O Grove, onde dominou Tirán. A segunda, celebrada en Vilaxoán estivo moito máis repartida.

A temporada curta pero intensa de traineiriñas xa está en marcha. Para os clubes da provincia de Pontevedra arrancou coa Bandeira Concello do Grove. A proba estivo marcada polo intenso vento que soprou e que dificultou o avance e as manobras dos remeiros, polo que o espectáculo quedou algo deslucido.

Con ese panorama, os que mellor se desenvolveron foron os de Tirán, que coparon as dúas primeiras prazas na categoría senior por diante de Samertolameu de Meira, que rematou en terceira posición. As embarcacións locais chegaron xusto por detrás, con Amegrove cuarto, e Mecos, en quinto posto.

No resto de categorías, Meirá impúxose en absoluto féminas por diante de Vilaxoán. Os vilagarciáns tamén foron segundos en xuvenís nunha regata dominada con autoridade por Robaleira.

Sen tempo para o descanso as traineiriñas desprazáronse o domingo pola mañá a Vilaxoán, onde se celebrabao II Trofeo Náutica Vidal. Nesta ocasión o vento non fixo acto de presencia e a regata foi máis atractiva para o espectador.

As mulleres abriron a competición e, como sucedera o día anterior, Meira volveu a vencer e con autoridade. Por detrás Mecos e Vilaxoán intercambiáronse as posicións con respecto á regata do sábado, nesta ocasión quedaron por diante as de O Grove que subíronse ó segundo caixón do podium.

Pero se nas mulleres Vilaxoán baixou un posto, nos xuvenís subíu outro. Os de Gelo Tarrío leváronse o triunfo diante do seu público e cunha claridade absoluta. Metéronlle na liña de meta trece segundos a Robaleira, e catorce a Cabo de Cruz.

Na categoría senior a victoria foi contra todo pronóstico para Náutico de Boiro, que non saía na derradeira tanda. Os seus remeiros fixeron un esforzo encomiable e víronse beneficiados pola aparición do vento na rolda de favoritos, que fixo que os seus tempos foran perores. Por detrás deles Amegrove e Remedios de Tirán completaron as tres primeiras prazas.

Redacción Salnés