![]()
PORTO DO SON> A Xunta licitará nos vindeiros días as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-550 ó seu paso polo concello sonense.
{flowplayer}barbanza/melloraseguridadevial.flv{/flowplayer}
O tramo en concreto no que se efectuará a mellora da seguridade viaria nesta estrada AC-550, corresponde cunha zona perigosa e na que se producen numerosos accidentes, no núcleo sonense de Xuño, nun treito de aproximadamente un quilómetro, entre os puntos quilométricos 98 e 99.
O proxecto inclúe a realización das obras de construción de beirarrúas e aparcadoiros, mellora e reordenación de interseccións e a rehabilitación da superficie do firme da estrada.
Actuación urxente
A actuación realizarase baixo a declaración de urxencia, porque o motivo da súa materialización é eliminar un treito de concentración de accidentes, evitando riscos innecesarios para os veciños do Porto do Son que circulan por esta vía para accederen ás súas vivendas e algúns servizos públicos.
O orzamento desta actuación, que sufragará a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ascende a máis de 921 mil euros e o prazo de execución das obras será de seis meses.
Expropiacións
De xeito paralelo, a Xunta de Galicia traballa na licitación dunha asistencia técnica para iniciar o proceso de expropiación. A previsión é iniciar a elaboración de actas no terceiro trimestre de 2010 e o inicio de obras podería levarse a cabo no ano 2011.
Nada máis ter coñecemento da nova, o executivo sonense amosou o seu malestar polo comportamento da Xunta co concello para con esta obra. A tenente de alcalde e concelleira de Obras, Ánxela Franco, sinalou que, a pesar de terllo solicitado en máis dunha ocasión, a Xunta non lle remitiu ningunha documentación sobre este proxecto.
Redacción Barbanza








