PONTEVEDRA> O Museo de Pontevedra ábrese ao mundo virtual. A entidade dependende da Deputación de Pontevedra estrea páxina web incluíndo un novo servizo: as visitas aos edificios Castelao e Sarmiento, coa posibilidade de coñecer en detalle cada unha das obras que albergan. Estas visitas serán accesibles dende calquera punto do planeta.
Coñecer todas e cada unha das obras do Museo de Pontevedra dende calquera parte do mundo será posible en tan só uns días. A entidade da Deputación provincial estrea páxina web, incorporando un novo servizo: as visitas virtuais.
Así os edificios Castelao e Sarmiento abriranse para un público global. Será posible grazas a unha innovadora ferramenta multidispositivo para interactuar coas obras de arte en ultra-alta definición, o que permitirá ao usuario explorar de preto e con todo detalle cada peza.
O usuario poderá escoller entre tres tipos de experiencias: unha visita virtual libre, as visitas temáticas ou incluso crear eventos para facer visitas en directo con persoal do Museo, que dirixirá os percorridos de xeito individualizado.
Dende a Deputación explican que estas visitas virtuais complementarán a experiencia física, ademais de apoiar o traballo das áreas de conservación e documentación do Museo.
Non só este servizo é unha novidade. O Museo estreará toda a súa páxina web, cun redeseño integral e minimalista para mellorar a experiencia de uso e navegación do visitante.