
{flowplayer}images/salnes/ALEGACIONS_FOLE.flv{/flowplayer}
A execución do paseo marítimo entre Ferrazo a Vilaxoán parece estar cada vez máis próxima. O 11 de maio remataba o prazo de alegacións ó proxecto, e nesa data límite, o grupo municipal do PP en Vilagarcía presentou a súa proposta para corrixir un tramo do traxecto. Discorre pola avenida Víctor Pita. Piden que se manteña o dobre sentido da circulación por razóns de comodidade para os veciños e seguridade viaria
O proxecto para a mellora do Borde litoral entre Punta Ferrazo e Vilaxoán dispón que neste tramo, á altura da avenida Víctor Pita, o trazado se modifique e en lugar de seguir bordeando a costa, se introduza en terra. Pasaría entón por riba dun dos carrís desta estrada, converténdoa nunha vía de sentido único dirección Vilagarcía – Vilaxoán. A proposta do grupo municipal do PP é que o paseo siga neste punto o mesmo trazado que vén planificado desde Ferrazo, aínda que implique restar uns metros ó mar, e manter a dobre dirección da circulación. Alegan que esta é unha vía que soporta diariamente o tráfico de vehículos pesados que se dirixen ó porto, ademais de autobuses escolares e outros vehículos especiais. De manterse o actual trazado, veríanse obrigados a entrar en Vilagarcía atravesando a urbanización Miramar.
Os populares presentaron a alegación por rexistro certificado ante o Servizo Provincial de Costas, dependente do Ministerio de Medio Ambiente. Agardan que o organismo o estude e se pronuncie canto antes, xa que se trataría dunha modificación sinxela, segundo o voceiro do PP, e sen custes adicionais.
Redacción Salnés