O PSOE de Vilanova denuncia cambios no PXOM enviado á Xunta

    VILANOVA > O PSOE de Vilanova denuncia cambios significativos no PXOM enviado polo concello á Xunta. O grupo socialista celebrou este sábado unha asemblea veciñal na Casa de Cultura do Esteiro e explicou cos planos na man unha serie de irregularidades que podería impedir o respaldo do goberno autonómico.

    O portavoz do PSOE Rodrigo Santiago asegurou que o planeamento remitido á Xunta non é o mesmo que estivo a exposición pública entre o 22 de xullo e o 22 de agosto de 2005. Un dos exemplos expostos polo PSOE é a aparición de PERIs, Plans Especiais de Reforma Interior, áreas de reparto ou crecemento esaxerado de núcleos rurais que aparecen na documentación, pese ó compromiso plenario do alcalde de retiralos. Outro compromiso acordado en pleno e que tampouco se recolle no planeamento afecta ó núcleo rural de Corón. Pedíase o recoñecemento de edificacións construídas antes da lei de Costas.

    O PSOE insiste nas súas sospeitas de pelotazos urbanísticos. Rodrigo Santiago advirte dun cambio de uso en 200 mil metros cadrados no entorno do polígono industrial. Segundo di, na exposición ó publico figuraban como rústico común pero na documentación remitida á Xunta figuran como chan industrial.

    O PSOE tamén fala de irregularidades entorno á área comercial. Nun primeiro momento os terreos estaban cualificados como de uso terciario e agora terían aproveitamento industrial. Segundo Rodrigo Santiago isto fai pensar que a promesa dos 600 postos de traballo xa non debe estar tan clara e que agora se lle dá opción a crear unha industria de só 10 traballadores.

    Redacción Salnés