VILANOVA> Vilanova é o outro concello da comarca do Salnés que hoxe entrou no nivel alto de restricións. A pesares desta decisión do subcomité clínico, o municipio encadeou na fin de semana descensos entre os seus casos activos. Hoxe a cifra é de 31. Dende a alcaldía, Gonzalo Durán pide responsabilidade e paciencia aos veciños ante as restricións, e confía en que o verán poida transcorrer con certa normalidade.
Con 31 casos activos e unha incidencia acumulada de máis de 250, o concello de Vilanova mantense no nivel alto de restricións: hostalería só en terraza e ao 50% de ocupación e a mobilidade limitada aos concellos que teñan a mesma incidencia, o que fai que só estean permitidas as visitas a Cambados na comarca do Salnés.
O alcalde confía en manter esta tendencia á baixa que comezou na fin de semana. Un descenso que, como sucedeu en practicamente todo o resto da área sanitaria viría acompañado dunha relaxación das restricións.
Co avance da campaña de vacinación, para Durán a pandemia está a entrar na súa última fase. Por iso pide responsabilidade aos veciños, confiando en que o verán e o Xacobeo poidan transcorrer con certa normalidade.
Esta fin de semana tamén se coñeceron os resultados do cribado que realizou o Sergas na vila os pasados días. As PCR feitas detectaron catro positivos entre as 1348 persoas que se achegaron a participar na proba. A convocatoria dirixíase a vilanoveses de entre 50 e 65 anos, 1883 persoas no municipio.