O Concello pide desculpas polas deficiencias de limpeza

    recollida_lixo100.jpgVILAGARCÍA> O Concello de Vilagarcía remitiu unha nota ós medios de comunicación na que pide desculpas a veciños e visitantes …

    … polas deficiencias detectadas no servizo de limpeza durante a fin de semana.

    O goberno local explica que arredor das festas de Santa Rita coincidiron diversas actividades que provocaron unha afluencia de público que desbordou toda previsión. Ante isto, o equipo que preside Dolores García comprométese a tomar as medidas oportunas para que situacións como as vividas non se volvan a producir.

    De todos xeitos, o goberno municipal subliña que o protocolo activado nesta ocasión non foi diferente ao adoptado en edicións anteriores de Santa Rita. No operativo participa a empresa concesionaria do servizo de limpeza, Inusa, pero tamén persoal municipal. ‘A afluencia de público e o bo tempo fixeron que as previsións de traballo foran sensiblemente rebasadas, de aí que a limpeza da zona de recreo da praia non fora a axeitada’, indican no comunicado. Engaden que os principais esforzos se centraron nas rúas céntricas de Vilagarcía, onde se celebraba o groso das actividades festivas.

    Redacción Salnés