O GROVE> A centola volve reinar na lonxa do Grove. A apertura da veda veu marcada polos bos prezos, pero polas capturas escasas. Na primeira xornada capturáronse algo máis de 2.800 quilos, cantidade inferior ao do ano pasado. Pola contra, o quilo chegou a superar os 27 euros, case dous euros máis que no último arranque. Ademais, coincidindo coa apertura da veda, comezaron tamén as xornadas da centola que organiza Emgrobes, coa implicación de máis dunha vintena de restaurantes e hoteis.
Como manda a tradición na lonxa do Grove había este luns moita expectación para asistir á primeira poxa da campaña da centola. A apertura da campaña foi discreta en canto a cantidades, pero boa en canto a prezo.
Na primeira descarga chegaron a porto algo máis de 2.800 quilos de centola, menos que o ano pasado, destacando o tamaño dos machos.
Do medio cento de embarcacións, moitas tiveron dificultades para chegar aos topes. Noutras tantas a centola estaba tan delgada, que foi de volta ao mar. Disque aínda é moi cedo e que, ademais, o tempo aínda non acompaña.
Mellor foi a cousa en canto a prezos. O quilo chegou a pagarxse a 27,60 euros, dous euros máis que o ano pasado. O resto de lotes foron chegando ata un mínimo de 12.
Coincidindo coa apertura da veda, botaron a andar tamén as xornadas da centola que organiza Emgrobes, xunto coa Confraía de Pescadores e a Confraría do Centolo Larpeiro. Este martes foi a presentación oficial deste evento en Santiago e tamén van organizar un acto en Madrid.
As xornadas celebran a súa XXII edición e vanse prolongar ata o 8 de decembro, consolidades como un polo de atracción de visitantes ao municipio fóra de tempada alta.
Na cita participan 14 restaurantes e 10 hoteis, que ofrecerán menús especiais coa centola como protagonista. No programa hai tamén distintas demostracións culinarias. Por exemplo, o día 20 no Obradoiro de Hostalería do Grove ou o 29 no miradoiro da lonxa da Confraría. Os actos da Confaría do Centolo Larpeiro terán lugar na fin de semana do 23 e 24 e, ademais, haberá distintas propostas musicais.