VILAGARCÍA> Incendio en Vilagarcía. Unha muller tivo que ser evacuada ao Hospital do Salnés logo de declararse un lume na súa vivenda. A vítima foi rescatada nun balcón polos efectivos de emerxencia. Tamén foi evacuada outra persoa doutro dos pisos do inmoble. Todo apunta que o incendio se declarou nun cadro eléctrico, provocando unha gran cantidade de fume. Debido á gran cantidade de gases acumulados, procedeuse ao confinamento do resto dos veciños do edificio.
O incendio declarábase contra as catro da madrugada no número catro da rúa San Roque de Vilagarcía.
En concreto, era unha muller foi rescatada cunha escada polos efectivos de emerxencia, a través dun dos balcóns. O incendio declarárase no interior da súa vivenda, moi preto da porta e a fiestra era a única vía de escape que lle quedaba.
Unha vez rescatada, a muller foi trasladada ao Hospital do Salnés. Tamén foi evacuada outra persoa do sexto andar. O resto dos veciños foron confinados dentro das súas vivendas debido á gran cantidade de fume que tamén afectaba ao tiro das escaleiras.
Polo de agora descoñécense as causas que puideron provocar o incendio, aínda que todo apunta que a orixe está nun cadro eléctrico na entrada da vivenda afectada.
En canto a danos, os principais están dentro da vivenda da vítima. Segundo indican os efectivos de emerxencias, viuse especialmente danado o corredor no que se declarou o lume. No operativo, ademais de Emerxencias de Vilagarcía, os Bombeiros e os efectivos sanitarios, interveu tamén a Policía Local e a Nacional.











