Máis de 300 desempregados formalizan contrato na Deputación

    louzan_emprego100.jpgPONTEVEDRA> Un total de 310 desempregados da provincia de Pontevedra formalizaron hoxe na Deputación os seus contratos para traballar …

    … durante seis meses nos 62 municipios da provincia de Pontevedra.

    Estas persoas iniciarán a súa actividade mañá. A entidade provincial destinará a esta iniciativa un orzamento de 2,5 millóns de euros. Serán as propias administracións locais as encargadas de definir a labor a realizar (limpeza de praias, mantemento de xardíns ou rutas de sendeirismo, desbroces, etc), así como de determinar o horario da xornada laboral, que será de 37,5 horas semanais, e de facilitar o equipo de traballo.

    O presidente da Deputación, Rafael Louzán, aproveitou a convocatoria para xuntarse con eles e desexarlles sorte nesta andaina profesional. Así mesmo, apelou á responsabilidade dos traballadores para que ‘cumpran debidamente os seus horarios e entre todos facer un ben á sociedade’.

    O titular da administración provincial puxo de relevo que este plan irá destinado a ‘todos e cada un dos 62 municipios da provincia e de forma liñal, é dicir, cada administración contará na súa plantilla con cinco novos operarios como mínimo’.

    Finalmente, Rafael Louzán recordou que a estes 310 contratos hai que sumarlles outros 70 que foron formalizados a semana pasada, de xeito que ‘as listas do paro da provincia contan dende mañá con preto de 400 parados menos’.

    Redacción Salnés