Arrinca o circuíto Revolutrion Trail Series coa disputa do Trail da Cidá

RIBEIRA> Este domingo, coa disputa do Trail da Cidá, arrancaba o circuíto Revolutrion Trail Series de Arousa NeO.

A proba reuniu a un total de 263 corredores. A maioría deles optou polo trazado curto, de 13 quilómetros, unha das novidades do circuíto este ano, mentres que o resto facíao na modalidade longa, de 21.

A proba arrancaba ás dez e media da mañá dende a praza do Concello. Un percorrido pequeno polo centro urbano, levaba ós corredores a ter que enfilar xa un dos primeiros atrancos, a subida ata a Pedra da Rá. Aí marcábanse xa as primeiras distancias nun trail duro, que nalgún momentos do percorrido chegou a sumar preto dos 900 metros de desnivel positivo.

O vencedor masculino na distancia curta foi Chema Quintián do CDM Vértice, mentres que a vitoria na categoría feminina foi para a súa compañeira de equipo, Verónica Calvo.

En canto á distancia longa, de 21 quilómetros, a carreira estivo dominada, en homes, por Daniel Martínez, do Cornelios, e en mulleres por Mary Pombo Tamén do CDM Vértice.

Na proba non houbo incidentes de consideración, agás algunha que outra escordadura ou caída, ou o habitual cansazo de moitos corredores nas pernas ó atravesar a liña de meta.

Aínda así a maioría deles xa está a pensar na vindeira cita do circuito. Será o Trail de Outes, o 5 de marzo, para pechar xa a edición de 2023 coa Xtosin Trail o 21 de maio.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí