RIBEIRA> A Federación de Mexilloeiros Galegos e a asociación de depuradoras buscan o apoio dos distintos partidos políticos para conseguir a paralización da reforna da lei de Costas que afectaría a numerosas empresas transformadoras asentadas no litoral. Unha delegación da entidade así como representantes da asociación galega de depuradoras asistían a pasada tarde ó pleno de Ribeira onde se debateu unha moción en apoio ó sector.
Aínda que non son afectados directos, os bateeiros de Arousa solidarízanse coa industria transformadora dos produtos do mar que se verá moi prexudicada no caso de saír adiante a reforma da Lei de Costas.
Ata o momento, a federación de mexilloeiros mantivo encontros con tódolos grupos políticos con representación en Galicia. Todos amosaron o seu apoio para tentar minimizar os efectos da reforma normativa.
Aínda que se estima que serían un cento de empresas as afectas en Galicia, non hai un estudo real. Dende Femex entenden que a afectación sería maior posto que repercutiría en toda a cadea de produción.
Finalmente a moción non contou co respaldo unánime da corporación. De feito, o debate derivou nun tenso enfrontamento despois de que os grupos da oposición acusaran ó goberno de buscar rédito electoral coa proposta.
Suma Ribeira votou en contra alegando a necesidade de revisar periodicamente as concesións en terreos públicos daquelas empresas non relacionadas coa industria alimentaria. Nos mesmos termos, o BNG referiuse á prórroga de Ence precisamente como detonante para reforma da lei de Costas. O PSOE xustificou os seus argumentos con base normativa lembrando que a Lei de Costas foi aprobada por un goberno do PP.
Dende o PBBI si apoiaron a proposta a pesar de ser unha formación de ámbito local, polo que instan ós partidos con representación en Madrid a dar unha solución ós afectados.
Pola súa banda, o alcalde defendeu a necesidade de frear esta reforma ante os postos de traballo e as empresas que estarían en risco.
Lamentou que o concello non estivera á altura das necesidades do sector e dos veciños, ó non saír adiante a proposta; xesto que os afectados agradeceron antes de abandonar o salón de plenos.