Unhas 300 persoas esixen en Barro o soterramento do AVE Ourense-Vigo

    manifa_barro100.jpgBARRO> Máis de 300 persoas participaron onte á tarde en Barro nunha manifestación para esixir unha alternativa ó trazado do Tren de Alta Velocidade Ourense-Vigo …

    … que atravesará este municipio.

    Os veciños, convocados por Salvemos Barro, confeccionaron un tren artesanal co que circularon pola N550. A protesta transcorreu ó longo duns dous quilómetros, entre o lugar de Constenla e a praza do Concello. Os manifestantes esixen o soterramento do ferrocarril nesta zona, xa que consideran que se abaratarían os custes da obra e ademais posibilitaría que o AVE alcanzase velocidades máis elevadas que se fose por superficie. Desde Salvemos Barro inciden tamén no impacto medio ambiental que causaría no municipio.

    A alternativa que defenden estes veciños foi a proposta polo sindicato UGT que, pide que a conexión co eixo atlántico (Vigo-Santiago) se faga ó norte da cidade de Pontevedra. De seguirse esta proposta, Salvemos Barro considera que o impacto ambiental sería case nulo. Ademais, indican que ó ir soterrada, a liña desembocaría no mesmo punto que xa está previsto, polo que non sería preciso un informa ou declaración de impacto ambiental e non habería demora nos traballos.

    Salvemos Barro pide ós responsables da execución da obra que recapaciten, pois de non facelo, por este concello pasarían tres trazados do tren de alta velocidade.

    Redacción Salnés