CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés sacará en breve a concurso a xestión da prestación do servizo de recollida de animais domésticos e abandonados.
O pleno do organismo aprobou onte por unanimidade este punto.
Arestora estanse a elaborar unhas bases e espérase que pronto se poida facer público o anuncio ó que se poderán presentar as asociación protectoras de animais que estean interesadas. Estas han de achegar un plan de xestión cun estudo económico que se terán en conta á hora de facer a selección.
A Mancomunidade asumirá os gastos da recollida do lixo e do mantemento das instalacións, que xa se están a rematar no lugar do Busto, en Armenteira, no Concello de Meis. Ademais, o organismo mancomunado daríalle unha subvención anual á protectora. Esta encargarase da xestión do servizo, da recollida de animais e da atención veterinaria.
O pleno tamén aprobou onte por unanimidade rexeitar a alegación presentada por unha empresa ó anteproxecto das obras da EDAR da Mancomunidade, que se pretende construír en Ribadumia. O presidente da Mancomunidade resolveu rexeitala logo de solicitar un informe a Augas de Galicia.
Nel considérase axeitado o emprazamento escollido para a EDAR, aclárase que non afecta a ningún espazo natural e que xa se ten solicitado á secretaría xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a necesidade ou non de someter o anteproxecto a un estudo de impacto ambiental. Ademais, indícase que o documento será sometido a información pública.
Redacción Salnés