O persoal de enfermería do Hospital do Salnés di que sofre unha carga de traballo ‘desmesurada’

O SALNES>  O persoal de enfermería do Hospital do Salnés di sufrir unha carga de traballo desmesurada. Piden á dirección do centro un reforzo de persoal en tódalas quendas. Os traballadores tentaron manter unha xuntanza coa xerencia do centro, aínda que sen éxito polo de agora.

Co terceiro andar pechado e o segundo saturado, o persoal de enfermería da primeira planta do Hospital do Salnés di que non pode máis. Falan dunha carga de traballo ‘desmesurada’ e de falta de persoal, o que, segundo din, implica situacións de estrés e frustración.

No primeiro andar do centro hai habilitadas 45 camas, aínda que a dirección mantén a dotación de 33. A isto hai que sumarlle a atención ós bebés que acaban de nacer.

Nestes momentos, na primeira planta, que é na que se centralizan as cuestións cirúrxicas, traballan na quenda de mañá tres enfermeiras, dúas na de tarde e outras dúas na de noite. Aseguran que, polo de agora, quedarían conformes cun incremento dunha persoa por quenda.

Ante esta situación, o persoal de enfermería tentou manter unha xuntanza coa xerencia do centro, aínda que sen éxito polo de agora. Si atenderon as súas queixas na xunta de persoal do Hospital. Entenden que esta situación deriva dun problema aínda maior: que o peche estival do terceiro andar continúa vixente aínda a día de hoxe.

E lamentan que nesa terceira planta haxa unha boa infraestrutura, que podería dar resposta, por exemplo, ás necesidades das persoas ingresadas en coidados paliativos. O mesmo ocorre, segundo din, coas habitacións específicas para illamentos. Segundo apuntan, hai espazos dese tipo perfectamente equipados no terceiro andar, que arestora carecen de uso por unha decisión que eles, din, non comprenden.