![]()
POBRA> O pleno da Pobra ratificou o convenio urbanístico con SIGALSA para a ampliación do polígono industrial da Tomada.
{flowplayer}barbanza/plenotomada.flv{/flowplayer}
Trala ratificación do convenio urbanístico para ampliación do polígono da Tomada, que saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención da oposición, tan só resta a sinatura oficial que se producirá nas próximas semanas cando o director xeral de SIGALSA se desprace ata A Pobra.
O alcalde expresou a súa satisfacción ante este paso definitivo para a ampliación do polígono en cen mil metros cadrados que, nesta época de crise, dará cobertura a moitas empresas e contribuirá a crear centos de postos de traballo.
Redución salarios
Durante a sesión plenaria de carácter extraordinario procedeuse tamén á aprobación por unanimidade das retribucións dos cargos con dedicación exclusiva e parcial. A corporación acordou reducir o salario do alcalde nun sete por cento e do concelleiro con dedicación exclusiva, Andrés Millán, nun seis por cento.
Por último tamén saíu adiante a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións situadas en terreos de uso público. A partir de agora, o cobro realizarase por módulos en lugar de por metros lineais. A proposta foi apoiada por PP e PSOE mentres que os nacionalistas optaron pola abstención.
Redacción Barbanza









