Arranca a quinta edición da Feira do Libro de Ribeira

RIBEIRA> O escritor Anxo Moure, foi o encargado este ano de exercer de pregoeiro. A cita desenvolverase durante toda a fin de semana con actividades do máis variado con música, presentacións de libros, charlas e tamén espectáculos para os máis cativos coma o que ofrecerá o domingo Xoán Curiel co concerto-presentación de ‘Canta miña pedra canta’.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, xunto co alcalde en funcións, Manuel Ruíz, foron os encargados de presidir o acto de inauguración da Feira do Libro. Os dous destacaron a importancia desta cita organizada pola Federación de Librarías de Galicia, en colaboración coa Xunta  e a Deputación da Coruña, e o valor do libro para a liberdade do ser humano.

O contacontos e escritor lugués Anxo Moure foi o encargado de ofrecer un pregón que constituíu un alegato en favor tanto do libro como da educación e o medio ambiente.

A Feira permanecerá aberta ao público ata o próximo domingo. Durante os próximos días desenvolverase unha ampla programación que incluirá presentacións de libros, charlas-coloquios, concertos e actividades infantís. A de Ribeira é a oitava parada do calendario destas feiras, que tamén estará en Cambados  entre o 19 e o 22 de xuño e en Rianxo do 25 e o 28 de xullo.