Merecido recoñecemento na Pobra ao ex-alcalde Isaac Maceiras

POBRA> O salón de plenos do Concello vestiuse de gala este sábado para acoller o acto de recoñecemento institucional a Isaac Maceiras, alcalde da localidade durante dezaseis anos, entre 1999 e 2015.

Foi un acto emotivo e de xustiza. No que non faltou ninguén. Deses que tanto lle gustaban a el organizar cando era rexedor.

Ademais da actual corporación, tamén asistiron numerosos edís que formaron parte dos gobernos locais durante  os seus mandatos; varios ex-alcaldes, como é o caso do de Boiro, Xosé Deira, e Ribeira, Manuel Ruiz, cos que aínda comparte gran amizade; representantes do tecido asociativo e empresarial local, así como tamén numerosos veciños, que non quixeron perderse tampouco este recoñecemento.

Na súa intervención o actual alcalde, José Carlos Vidal, destacou a calidade humana do homenaxeado e os logros acadados durante os seus mandatos.

Na súa intervención, Isaac Maceiras, agradeceu a homenaxe, confesando sentirse enormemente satisfeito por ser xa parte da historia da localidade.

O acto continuou posteriormente coa imposición da medalla do Concello e a súa sinatura no libro de honra. Tamén se lle fixo entrega de varios agasallos consistentes nunha dorna de cerámica e unha metopa de sobremesa con dedicatoria.

Pero para o final estaba reservado o acto principal. Como é tradición no Concello procedeuse ó descubrimento da fotografía do ex-rexedor no salón de plenos. Un momento especial para Maceiras, que quixo compartir tamén coa súa familia, especialmente os seus netos, que o acompañaron no momento do descubrimento do cadro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí