POBRA> O executivo vén de iniciar a mellora integral dos xardíns Valle-Inclán co tratamento de varias árbores afectadas por unha praga de fungos.
{flowplayer}barbanza/mellorasxardins.flv{/flowplayer}
A intención do goberno da Pobra é deixar en perfecto estado un dos espazos máis emblemáticos do municipio como son os xardíns Valle-Inclán. Por este motivo, uns técnicos especialistas están a examinar o estado do terreo e varias árbores enfermas.
Mediante as medicións realizadas cunha sofisiticada máquina comprobaron a dureza e vitalidade dos exemplares. Ademais tomaron mostras que serán analizadas en laboratorio para determinar o tipo de praga que afecta a varias especies e atallala nos casos en que aínda sexa posible.
O alcalde, Isaac Maceiras, destacou a importante inversión que está a realizar o concello na posta en valor da alameda. Así mesmo, arremeteu contra os grupos da oposición que no seu día ridiculizaron a proposta da alcaldía para sanear as especies afectadas.
Actuación integral
Ademais do tratamento das árbores, a empresa OYS Noroeste está a acometer a renovación do sistema de rego que se atopaba moi deteriorado así como a recollida de pluviais e a substitución do alumeado.
Tamén se procederá á remodelación da fonte para devolver o esplendor a este parque que constitúe un dos poucos de Galicia que alberga tanta variedade de especies árboreas.
Redacción Barbanza