Espectacular redución das listas de espera en xinecoloxía

    hospital.jpgBARBANZA> A xerencia do Hospital do Barbanza presentou o balance de xestión e actividade do segundo trimestre do ano. O dato positivo é a drástica redución das listas de espera para consultas xinecolóxicas despois da posta en marcha do plan de colaboración cos centros de atención primaria. Na outra cara da moeda destaca a espera acumulada para as probas radiolóxicas.

    {flowplayer}barbanza/balancehospitalbarbanza.flv{/flowplayer}

    A día 30 de xuño do presente ano a actividade cirúrxica ordinaria no hospital do Barbanza mantense con respecto ó mesmo período de 2009 aínda que se conseguiu reducir o tempo medio de espera.

    Os datos das listas de espera por prioridades son de 45 pacientes en Prioridade 1 cun tempo medio de 18 días, 144 en Prioridade 2 con 74 días e 590 pacientes en Prioridade 3cunha media de espera de 72 días.

    Na área de consultas incrementáronse en 3.262 con respecto ó pasado ano. Destaca sobre todo a redución na especialidade de xinecoloxía cun tempo medio de cinco días grazas ó plan especial posto en marcha dende o mes de febreiro en colaboración coa atención primaria.

    Máis profesionais

    O dato negativo segue a residir nas probas diagnósticas da área de radioloxía. En radioloxía de mama a espera segue a ser moi elevada pero reduciuse con respecto ó anterior trimestre grazas á colaboración co Hospital Clínico de Santiago. Aínda así, dende o centro comarcal agardan mellorar estas cifras coa incorporación dun cuarto radiólogo ó cadro de persoal a partir do mes de outubro.

    Obxectivos

    A pesar das melloras acadadas de cara ó futuro, dende a dirección do centro plantéxanse varios retos como manter a demora cirúrxica por debaixo dos trinta días de espera en prioridade un, como establece a ratio proposta pola Xunta, rebaixar a espera da prioridade dous a sesenta días e tentar diminuír a demora en traumatoloxía, especialmente en consultas.

    Redacción Barbanza