![]()
VILAGARCÍA> A entrada polo Salgueiral, en Carril, estreará os próximos días un novo cartel anunciador. É unha das medidas do goberno local para evitar os problemas de tráfico e atascos que se producen nestes meses de verán.
{flowplayer}images/salnes/TRAFICO_VILAGARCIA.flv{/flowplayer}
Tratar de mellorar a sinalización das direccións e das entradas a Vilgarcía para reducir o tráfico polo centro, é un dos obxectivos máis urxentes do Concello. O descoñecemento dos condutores das alternativas ofrecidas polas novas circunvalacións provoca que, polo de momento, a afluencia de tráfico non diminúa todo o que debería.
A primeira actuación realizarase na zona de Carril, cun cartel explicativo das posibilidades ofrecidas pola nova circunvalación. Deste xeito, mellorarase a situación dun dos lugares máis problemáticos en canto a atascos. Porén, os veciños de Vilagarcía aseguran que os efectos de redución do tráfico grazas á circunvalación déixanse notar pouco polo de momento. A maioría decláranse fartos desta situación, que afecta sobre todo a Carril, á zona TIR, á avenida das Carolinas e á entrada desde Pontevedra.
A alcaldesa declarou non ser coñecedora deste descontento por parte dos habitantes do concello. Dolores García insistiu na eficacia das circunvalacións, e asegurou que moito do tráfico é debido ós meses de verán.
Tamén a Autoridade Portuaria baralla outras propostas para desconxestionar o tráfico urbano, como derrubar o muro de Pablo Picasso para poder abrir o vial ó tráfico.
Redacción Salnés









