A Vía do Salnés sufrirá interrupcións de tráfico sen previo aviso

    traficoviasalnes100_050707.jpgSALNÉS > Circular pola Vía do Salnés este verán pode supor algunha sorpresa para os conductores. Desde hoxe …

    … está previsto que comecen as interrupcións de tráfico polas voaduras de roca que se farán no desdobramento da vía e tamén pola noite para comezar a desmontar as antigas pontes.

    Desde hoxe os conductores que utilicen a Vía do Salnés poderán atoparse co tráfico interrompido sen previo aviso. Xa o advertiu a Xunta, que a empresa que executa as obras da autovía precisará facer voaduras de roca e por razóns de seguridade impedirá o paso de vehículos. O único que se garante é que estes cortes se farán entre os martes e os xoves, en torno ás dúas da tarde, e que non durarán máis de dez minutos. Pero ademais, tamén haberá restriccións de tráfico en horario nocturno. A franxa entre as tres e as catro da madrugada aproveitarase para desmontar os antigos pasos elevados sobre a vía e substituílos por outros novos. Segundo a Xunta estes traballos durarán entre vinte minutos e media hora.

    Precisamente as obras da autovía obrigaron á Xefatura Provincial de Tráfico a cambiar de alternativa para o retorno das praias durante este verán. Ata finais de setembro, tódolos domingos e principais xornadas festivas, como o 25 de xullo e o 15 de agosto, desde Sanxenxo ata Curro, habilitaranse ambos carrís da Vía do Salnés para a circulación unicamente en sentido Pontevedra. Isto producirase desde as cinco da tarde ata as doce da noite. Tráfico lembra que a velocidade máxima se mantén en 80 quilómetros por hora e que haberá que levar preso o alumeado de cruce.

    Redacción Salnés