![]()
RIBEIRA> A Consellería de Medio Rural está a traballar na elaboración dun plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural de Corrubedo. O obxectivo é actualizar o documento ás novas esixencias normativas ó tempo que se contemplan algunhas demandas dos residentes nas inmediacións do parque relativas a cuestións urbanísitcas.
{flowplayer}barbanza/visitaconselleiromediorural.flv{/flowplayer}
O Conselleiro de Medio Rural anunciou a redacción deste novo plan no transcurso dunha visita ó parque natural de Corrubedo na que estivo acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza e o delegado territorial da Xunta na Coruña.
Samuel Juárez explicou que é preciso actualizar o regulamento que data do ano 1992 para adaptalo á Lei do Patrimonio Natural de 2007 e á Lei do Solo deste presente ano.
Demandas veciñais
Ademais o novo plan incluirá as demandas dos veciños que residen no contormo do parque, de xeito que se promova unha construción sostible, compatible coa conservación do espazo natural.
Dende hai anos a Consellería do Medio Rural vén colaborando na xestión e conservación deste parque que recibe ó ano máis de 350 mil visitas. Seguindo nesta liña, este xoves renovaron o convenio de colaboración no que a Xunta achega máis de trinta mil euros a destinar en tarefas de vixilancia e socorrismo.
Rexeneración
Durante a súa estancia no Barbanza, o Conselleiro de Medio Rural referiuse tamén ós recentes incendios que afectaron á comarca, especialmente ó concello de Boiro. Neste sentido, explicou que dende a Consellería están a estudar medidas para a rexeneración da superficie queimada.
Aínda así puntualizou que a presente situación pouco ten que ver coa vivida en 2006 cando as riadas provocaron a chegada de cinzas á ría. Daquela, arderan máis de oitenta mil hectáreas.
Redacción Barbanza











