Ribeira promove a inserción laboral a través de cursos e prácticas en empresas

    RIBEIRA> O concello promove unha serie de accións formativas encamiñadas a aumentar as expectativas de emprego das persoas demandantes de traballo. O programa inclúe un curso sobre Turismo Náutico para desempregados e unhas xornadas de Orientación Laboral e Motivación Emprendedora así como un curso de Orientación Laboral no ámbito comercial con prácticas en empresas. Esta iniciativa busca a recualificación profesional dos participantes mediante a adquisición de competencias adaptadas ás necesidades das empresas no contexto actual, co fin de acadar unha orientación cara o cliente no posto de traballo. O programa estará estruturado en dúas etapas: unha primeira de formación e unha segunda de prácticas en empresa, onde os alumnos poderán aplicar as técnicas e coñecementos adquiridos en sectores vinculados á súa formación académica e experiencia laboral. Para a materialización desta segunda etapa se está a traballar coa Asociación de Empresarios de Riveira. Os interesados en participar deben ser desempregados de entre 25 e 45 anos cunha formación académica de ciclos superiores ou ensinanzas universitarias. As inscricións realizaranse ata o día 21 de outubro no Servizo de Orientación Laboral situado na Casa da Xuventude.