RIANXO> ‘Ti decides’. Este é o lema da campaña de seguridade viaria que un ano máis volven poñer en marcha o concello de Rianxo e a policía local. A peza audiovisual conta co mesmo equipo de produción, a cargo dos rianxeiros Román Castaño e Duarte Galbán. Este ano, colabora ademais a actriz Eva Iglesias.
Por cuarto ano consecutivo, o concello de Rianxo volve lanzar a campaña de seguridade vial en colaboración coa policía local. Faino a través dun vídeo, difundido a través das redes sociais, que pretende concienciar á cidadanía sobre os perigos de conducir baixo os efectos do alcol.
Un ano máis, a peza audiovisual corre a cargo dos rianxeiros Román Castaño e Duarte Galbán que, a pesar das dificultades derivadas da covid, levaron a cabo a rodaxe cun resultado coma sempre impactante e que invita á reflexión.
Dadas as restricións sanitarias, este ano optaron por reducir a presenza de actores co que son Duarte e a rianxeira Eva Iglesias os que levan o peso da interpretación.
O vídeo xa está dispoñible dende este mediodía no Facebook da policía local de Rianxo así como na canle de Youtube do concello.