O peche de Granitos Triturados deixará na rúa a 18 empregados

    granitos copia.jpgVILAGARCÍA> O paro da actividade é obrigado ó non atopar un terreo ó que trasladar a fábrica. A actual parcela foi expropiada polas obras do nó de Curro.

    {flowplayer}images/salnes/CIG_VILAGARCIA.flv{/flowplayer}

    O cinco de maio deste ano foi a primeira data fixada para que Granitos Triturados abandonase as instalacións emprazadas no entorno do nó de Curro. Desde entón, a execución do desaloxo aprazouse xa en dúas ocasións. A firma está tendo serios problemas para atopar un novo terreo no que montar a factoría e continuar a actividade. Intentaron negociar coa Mancomunidade de Montes de Meis para que lles cedesen un terreo alternativo, pero opuxéronse. A consellería de Medio Ambiente propuxo trasladarse do concello de Meis a unha parcela no polígono industrial de Barro, pero desta volta foi a empresa a que se negou. Xustifica que a base da súa actividade está en Meis. A firma encárgase de triturar os residuos que quedan na canteira trala extracción dos bloques de pedra. A canteira é propiedade dos comuneiros de Meis.

    A última data para o desaloxo era o pasado cinco de agosto. Aínda non se levou a cabo porque está pendente un recurso presentado pola consellería de Medio Ambiente no Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Cambados. Desde a Xunta pediron ó empresario que explique as razóns polas que desbota a proposta do polígono de Barro. Unha vez se resolva, o abandono dos terreos deberá ser inmediato.

    En total serán 18 os empregados de Granitos Triturados que perderán o seu traballo. Desde a CIG loitarán para que os despedimentos sexan tramitados como improcedentes, posto que son por causas alleas ós traballadores, para que perciban unha indemnización de 45 días por ano traballado.

    Redacción Salnés