A confraría de Vilanova estuda despedir persoal ante a falta de ingresos pola mortaldade do marisco

VILANOVA> Situación crítica na confraría de Vilanova pola alta mortaldade do marisco. No pósito explican que se debe á gran cantidade de auga, pola chuvia e o alivio dos encoros. O patrón maior advirte que terán que tomar medidas ante unha situación que considera insostible. Mesmo abre a porta a ter que despedir a algún dos 13 traballadores.

Na confraría de Vilanova, como noutras da zona, chove sobre mollado. Dende o pósito levan anos advertindo que o sector está a morrer, pero desta volta as malas condicións meteorolóxicas que padecen dende hai meses, xunto co alivio dos encoros, pintan o seu futuro aínda máis negro.

En Vilanova, as zonas máis críticas son O Esteiro e Ariño, onde nos últimos días o marisco morto amontóase na area. O patrón explica que non se salva nin o marisqueo a pé nin a frote, afectando a todas as especies.

O patrón lembra que na confraría de Vilanova xa tomaron medidas nos últimos anos para ir capeando o temporal. Pero di ver a situación cada vez peor. Mesmo abre a porta a ter que despedir a algún dos 13 traballadores do pósito.

Piden que a Xunta reaccione.

De momento, as mariscadoras están a sementar de novo aquel marisco que se salvou, a ver se desta volta consegue salvarse.