Portonovo e Vilalonga non pasan do empate

SALNÉS> Na Terceira, Vilalonga e Portonovo sumaron sendos empates. Os que máis se divertiron foron os afeccionados que se deron cita en San Pedro, onde se viron seis goles

Goles e espectáculo na estrea do Vilalonga ante os seus afeccionados (3-3). Os celestes sacaron un punto no derradeiro minuto logo de ir por detrás no marcador durante todo o encontro. E é que o Somozas, a base dunha boa presión no medio campo e rápidas contras, foi quen de poñerse 0-2 antes da media hora con tantos de David Franch e David Gómez.

Pese a que Machu recurtou diferencias antes do descanso, Sueiro fixo o 1-3 no inicio da segunda parte, que poñía as cousas moi complicadas para o Vilalonga.

Pero se algo caracteriza ós pupilos de Gabi Leis é a súa entrega e o seu esforzo en cada partido. Non baixaron os brazos e tiveron recompensa. Primeiro a través dun penalti claro cometido sobre Saúl, que Nano encargouse de transformar. Xa no minuto 90, Abraham cabeceou ó fondo da rede un saque de esquina botado por Saúl.

O propio Saúl, na prolongación, tivo o 4-3 nas botas pero o seu disparo foise demasiado cruzado. Un punto máis para o Vilalonga que mantense na cuarta posición da xeral e confirma, con seis goles en dous partidos, que este ano ve portería con facilidade. A semana que ven visitará ó Estradense.

Penúltimo na xeral quédase o Portonovo que sumou o seu primeiro punto da temporada no campo de As Pontes (1-1). Os de Ricardo completaron unha gran segunda metade na que dominaron ó seu rival. A cinco minutos do final, Óscar Guimeráns, de penalti, empatou o partido. Bossa fixera o tanto dos locais na primeira parte.

O Portonovo volverá a xogar na casa a semana que ven ante un dos máximos candidatos ó ascenso, o Ourense.

Redacción Salnés