Ribadumia sitúase no mapa internacional do deporte grazas ao Arousa Fútbol 7

RIBADUMIA> Balance máis que positivo do concello de Ribadumia sobre a última edición do Arousa Fútbol 7 celebrada no municipio. O torneo trouxo ata Ribadumia a milleiros de persoas, atraídas polo mellor fútbol base internacional. O campo da Senra converteuse nunha auténtica festa coa gran final entre O Porto e o Valencia. Os portugueses acabaron facéndose co título por segundo ano consecutivo.

O campo da Senra de Ribadumia vibrou co mellor fútbol base cunha nova edición do Arousa Fútbol 7.  Este ano na competición déronse cita equipos do talle do Manchester United, o Inter de Milán, o Benfica, o Real Madrid, O Barça, o Celta e o Deportivo e O Porto, gañador deste ano. Dende o concello fan un balance máis que positivo.

O torneo volveu situar no mapa deportivo internacional ao municipio e a toda a comarca, atendendo ao seu gran impacto.

O alcalde salienta ademais o vínculo entre eventos deportivos como este e o turismo. David Castro cre que é unha das claves para fomentar a chegada de visitantes á comarca fóra da tempada alta.

O rexedor tamén pon en valor as instalacións que ofrece o concello para desenvolver o torneo nas mellores condicións.

Nas seminifinais medíronse O Porto contra o Manchester, por unha banda, e o Barça co Valencia, pola outra. A gran final entre O Porto e o Valencia acabou caendo do lado dos portugueses, 3 a 0. Por segundo ano consecutivo os lusos fixéronse co título, nunha edición na que o premio á deportividade foi para o Vissel Kobe do Xapón.