O Xuven arranca con ilusión a súa segunda temporada en EBA

SALNÉS> Os de Diego Doval debutan na casa ante o Obradoiro, mañá a partires das 18 horas. Polo que respecta ó Extrugasa, onte disputou o seu segundo gran test de pretemporada en Vigo, ante o Celta. As de Tito Díaz deron moi boa imaxe pese a caer por cinco puntos de diferencia.

Boas sensacións as que continúa a deixar o Extrugasa nesta pretemporada. Se no primeiro encontro ante o Celta en Fontecarmoa foran catro os puntos de diferencia polos que caeron (70-74), onte nas Travesas foron cinco, algo que demostra que as de Tito Díaz non están tan lonxe dun equipo potente da liga como o Celta.

E iso que onte Montse Gilabert e Amy perdéronse o partido e o equipo quedouse con oito rotacións, incluíndo a unha Begoña García que chegaba tocada. Pese a iso e pese a un mal arranque de partido, o Extrugasa estivo en disposión de gañar o encontro ata o final, gracias sobre todo ó acerto que tiveron no segundo e no derradeiro cuarto. O 53-48 demostra que o equipo continúa a traballar ben en defensa aínda que loxicamente fáltalle fluidez en ataque, algo que pretenderán pulir nos vindeiros quince días antes do inicio da liga. Antes, mañá, xóganse a domicilio o seu pase á final a catro da Copa Galicia ante o Universitario de Ferrol. O encontro xógase a partires das 19 horas.

Mañá arranca a temporada para o Establecimientos Otero de Cambados que un ano máis volverá a ter como principal obxectivo a permanencia en Liga EBA. Con todo, o plantel deste ano non se parace en nada o da pasada campaña. Moitas baixas e moitas incorporacións, entre elas as dos internacionais cubanos Taylor García e Grismay Paumier, que daranlle un salto de calidade ó conxunto que volverá a ser dirixido por Diego Doval. O escolta Ander García ou o aleiro Manu Fernández (ex do Inelga) son outras das fichaxes deste ano para un equipo que completou unha ilusionante pretemporada.

Agora tocará refrendar esas boas sensacións no primeiro encontro ligueiro ante un rival ben coñecido como o Obradoiro de Santiago. Será mañá a partires das 18 horas.

Redacción Salnés