Os derbis da Preferente protagonizan a xornada

SALNÉS> A Preferente Sur deixaranos o domingo dous derbis: un na Illa e outro en Vilagarcía. Mentres na Terceira, o Portonovo visita ó Rápido de Bouzas mentres que o Vilalonga recibirá ó Alondras.

Vilalonga e Portonovo deben sacar algo postivo esta fin de semana dos seus partidos se é que non queren quedarse xa dende o inicio no vagón de cola.

Coa necesidade e o ánimo de rexurdir das súas cinzas, os de Gabi Leis reciben en San Pedro a un dos clásicos da categoría como o Alondras. Os de Cangas aínda non saben o que é perder, e pese a contar cun partido menos, son sextos na xeral. Foi ademais o único equipo que puntou ante o líder Cerceda. Os celestes pola súa parte queren rachar coa xeira de tres derrotas consecutivas e atopar de novo o camiño cara o gol despois de dúas semanas sen marcar.

O Portonovo pola súa parte ten unha boa oportunidade para sumar os tres puntos xa que se enfronta ó último na xeral, o Rápido de Bouzas. Os de Ricardo estanse a comportar mellor nos desprazamentos que na casa, por iso confían en vencer nun campo que nos úlitmos anos se lles deu ben.

Na Prerente Sur agarda unha fin de semana máis que interesante con dous derbis que se antollan emocionantes. No Salvador Otero enfróntanse dous equipos moi necesitados, Céltiga e Ribadumia, que non contaban con estar tan abaixo neste inicio de campaña e que ademais comparten a dubidosa honra de ser os conxuntos máis goleados do grupo, tan só superados pola Peroxa. A victoria é imprescindible tanto para os de Rial como para os de Carducho.

Outro en problemas neste comezo é o Sanxenxo, que ten que rendir visita ó mellor dos do Salnés ata o momento, o Arousa. Os vilgarciáns contan os seus partidos na casa por victorias e quererán sumar a terceira ante os do Revel, que aínda non saben o que é gañar este ano.

O Cambados pola súa parte visita a un recén ascendido como o Nigrán, un equipo de momento que se está a amosar moi forte. Os de Oliveira tentarán dar a sorpresa a domicilio.

Redacción Salnés