Verónica Miguéns completa con éxito o Mundial de trial

VILAGARCÍA> A vilagarcián Verónica Miguéns ven de rematar o seu periplo por Europa na disputa de varias probas do Campionato do Mundo. A xoven piloto do Motoclub Sqem amósase moi satisfeita polos resultados acadados e agarda repetir experiencia.

{flowplayer}images/salnes/trial_290910.flv{/flowplayer} 

Unha viaxe de 21 días e preto de 8.000 quilómetros para disputar as derradeiras dúas probas do Campionato do Mundo de Trial femenino son datos que demostran que a Verónica Miguéns poden gañarlle na pista, pero non en ilusión.

A vilagarcián completou nas localidade de Kramolín, na República Checa, e Myslenice, en Polonia, as últimas etapas do mundial 2010, e fíxoo con éxito. Pese a estar lonxe da cabeza, deixou por detrás a varias pilotos, demostrando que merece un oco entre as mellores.

Os seus pais Alberto e Pili e o seu irmán Carlos fixeron de staff técnico e mecánicos. Na primeira das probas, tras un inicio prometedor, varios problemas eléctricos relegáronlle á parte traseira da xeral. Con todo, salvou as últimas posicións.

Xa en Polonia e sobre un auténtico barrizal, unha caída botou ó traste as súas opcións. Aínda así, superou a moitas das súas rivais. 

Verónica tamén participou no Campionato do Mundo de Nacións, formando parte do equipo da Federación Internacional xunto á italiana Valentina Peretti e a alemana Pauline Smith. Deste xeito converteuse na primeira galega en participar nesta competición.

O balance que fai a vilagarcián desta temporada é inmellorable. Aínda así é exixente con ela mesma e agarda que poder mellorar estes resultados o vindeiro ano. 

Agora tan só lle queda unha proba para dar por finalizada a temporada. Será en Barcelona onde peche o Campionato de España. Ata o de agora é segunda na xeral.

Redacción Salnés