Porto do Son acolle a primeira proba da Liga Galega de Orientación

PORTO DO SON> Porto do Son acolle este sábado a primeira edición do trofeo de Orientación en Bicicleta de Montaña. A proba, puntuable para a liga galega, ten unha importante compoñente lúdica xa que os participantes deben completar o itinerario dotados dun mapa no que figuran os distintos puntos de control. Esta proba, organizada pola asociación deportiva e cultural Arnela, en colaboración co concello, forma parte da Liga Galega de Orientación. É a primeira vez que se celebra en Porto do Son, aproveitando os seus espazos naturais idóneos para este tipo de competicións. Os participantes competirán en probas contrarreloxo, con saída individualizada cada dous minutos. Portando un mapa deberán pasar polos distintos puntos de control para completar a proba. Haberá probas para principiantes dende oito quilómetros. Na categoría absoluta a distancia mínima será de vinte e seis quilómetros. Polo momento, xa hai máis de sesenta ciclistas inscritos e agárdase chegar a roldar os cen.