BOIRO> Javier Chouza presentou a súa renuncia como concelleiro do PP para encabezar unha lista alternativa que concorrerá ás próximas eleccións.
{flowplayer}barbanza/dimisionchouza.flv{/flowplayer}
A dimisión do número dous do PP de Boiro era previsible, despois de facerse público o seu descontento polo nomeamento de Xoán Xosé Dieste como candidato ás municipais. Daquela, Javier Chouza xa manifestara o seu desacordo coa decisión do partido que viña a frustrar as súas aspiracións de postularse como alcaldable e pechaba ás portas a unha posible renovación dos órganos directivos a nivel local.
A pesar de que contaba coa posibilidade de darse de baixa no partido e continuar na corporación como edil nos adscrito, Chouza optou por entregar a súa acta de concelleiro para permitir que o PP siga contando con seis representantes, respectando así a vontade dos electores que depositaron a súa confianza nesta formación nas pasadas eleccións.
Nova formación
Tras renunciar ó seu cargo público, Javier Chouza presentará a súa baixa nas filas populares para centrarse no deseño dunha lista independente que pugnará pola alcaldía en maio do próximo ano.
De momento, non quixo adiantar os nomes dos candidatos a integrar a nova formación política aínda que tampouco descartou a incorporación da antigos compañeiros do PP, descontentos co nomeamento de Dieste.
Discrepancias
Tratando de fuxir da polémica, Chouza referiuse á boa relación existente cos membros do Partido aínda que a súa decisión amosa ben ás claras as discrepancias coa xestión desenvolvida nestes catro anos polo voceiro popular.
Pola súa banda, Xoán Xosé Dieste manifestou o total respecto pola decisión libre e persoal do que viña sendo o seu número dous. Agora, salvo renuncia, será o seguinte na lista, Luís Blanco Fernández, quen ocupe o seu escano na corporación municipal.
Redacción Barbanza