O ‘número do Papa’ bate record de vendas

    loteriapapa.jpgRIANXO> A administración do Mexillón de Ouro, famosa xa por ter repartido numerosos premios, volve estar de sorte.

    {flowplayer}barbanza/loteriapapa.flv{/flowplayer}

    Esta vez a fortuna non chegou en forma de millóns senón de número; concretamente o 61110. Esta combinación, á venda na administración rianxeira, coincide coa data da chegada do Papa a Compostela, o que contribuíu a dispara-la súa venda.

    A casualidade quixo que un dos números que reparte esta administración coincidira con tan sinalada data. Foi un cliente o que se decatou da coincidencia e, dende entón, correuse a voz por Rianxo. Tanto que a dous días da visita do Papa o número está practicamente esgotado. 

    Son moitas as esperanzas depositadas nesta combinación de números para o sorteo da lotería nacional do próximo sábado que, como non, celebrarase en Santiago.

    Repercusión positiva

    Toque ou non toque, o certo é que para moitos non hai maior premio que a visita de Benedicto XVI. Boa parte dos veciños enquisados consideran que o evento será positivo para Galicia polo número de persoas que visitarán a comunidade.

    Sen embargo, hai quen considera esaxerado o desembolso da administración pública para promover un acto dunha institución privada como é a igrexa.

    Haberá que agardar ó balance de cifras trala visita para comprobar se os tres millóns de euros investidos pola Xunta se traducen nun impacto positivo para o tecido comercial e hostaleiro de toda Galicia.

    Redacción Barbanza