PONTEVEDRA > Tras dez anos, finalmente Pontevedra conta cun complexo náutico deportivo que alberga ademais a primeira piscina olímpica de Galicia. As instalacións, sitas en Ponte Muíños, foron inauguradas este mércores polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Con el tamén estiveron o alcalde de Pontevedra e o presidente da Deputación.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, achegouse este mércores a Pontevedra para inaugurar o complexo deportivo Rías do Sur, que alberga a única piscina olímpica existente en Galicia. A construcción desta infraestructura supuxo un investimento de 6,6 millóns de euros. O cincuenta por cento foi aportado pola Xunta, Concello e Deputación, e o resto corresponde a capital privado.
O proxecto púxose en marcha hai dez anos para darlle saída ó Club local de Natación, o Galaico, que milita en primeira división nacional. Para lembrar esta orixe no complexo instalouse unha placa de recoñecemento ós socios fundadores. A Fundación Rías do Sur agradece a ampla colaboración social que recibiu ademais do impulso que tiveron por parte das institucións e entidades privadas que colaboraron nesta iniciativa.
O complexo Rías do Sur é a instalación cuberta máis completa de Galicia para a práctica de actividades deportivas, para os adestramentos de nadadores e competicións, pero tamén para o público en xeral. Ademais de tres piscinas, unha delas olímpica, conta con 4 pistas de squash, cinco ximnasios, salas de spa, masaxes, solarium e saunas. Conta con bancadas para 560 prazas, ampliables a mil.
Neste complexo tamén se aúna deporte con cultura, cun espazo reservado para biblioteca. A fundación aproveitou a presenza das autoridades para solicitar apoio para equipala, e xa obtivo resposta positiva por parte da Consellería de Cultura.
Redacción Salnés