Paula Padín e Adrián Vidal, protagonistas no Cp. Galego

SALNÉS> Nos campionatos galegos en categoría alevín e sub-23, que se celebraron en Pontevedra, os cambadeses trouxéronse consigo tres títulos e tres medallas de bronce.

Campionato para enmarcar do Cambados Tenis de Mesa, que unha vez máis demostrou o gran potencial da súa canteira, desta volta nos autonómicos celebrados no pavillón de Príncipe Felipe, en Pontevedra.

Dos tres títulos acadados dous tiveron como protagonista a Adrián Vidal. No cadro individual venceu tódolos seus encontros con solvencia ata que se atopou no cadro ó seu compañeiro Fernando Padín, ó que eliminou en cuartos por un axustado 3-2. Tamén superou, xa na gran final a un ex-compañeiro, nesta caso Eduardo Barreiro ó que se impuxo tras unha batalla moi igualada. Os dous finalistas atoparíanse tamén no encontro polo título en dobre. Adrián xunto a Fernando Padín, leváronse o ouro fronte a parella do Arteal de Santiago, Barreiro e Torres. Os cambadeses xogaron un excelente torneo de comezo a fin, como reflicte o dato de que non perderon ningún set. Por equipos teríanse que conformar coa medalla de bronce logo de caer nas semifinais ante o Monteporreiro, por un axustado 3-2.

O terceiro título para o Cambados Tenis de Mesa chegou de mans do equipo Viaxes Otero, en categoría alevín femenino. Paula Padin, Andrea Chaves e Mariña Chaves impuxéronse con moita autoridade e comodidade ó resto dos seus rivais para chegar ata a final onde doblegaron ó Vincios de Gondomar. A esta medalla houbo que sumarlle dúas máis, con Paula Padín como gran protagonista. Primeiro no dobres, onde xunto a Andrea Chaves acadaron o terceiro lugar, e despois no dobres mixto, formando parella con Xavi Abejón, do Oroso, na que tamén acadaron a medalla de bronce.

Redacción Salnés