Xa están na casa os mundialistas arousáns

O piragüismo arousán está a demostrar un gran potencial, despois de colleitar tres medallas no Mundial de Maratón de Australia. Esta mañá chegaban os palistas ás súas casas e todos traían moi bos recordos desta experiencia. No Grove estivemos cos pupilos do Breogán, Fredi Bea, Rubén Paz e Tono Campos; e na Illa, con Ramón Ferro, e co seu adestrador Arturo Paz.

No Club de piragüismo Breogán do Grove podíase respirar a alegría que trouxeron os seus palistas do Mundial de Maratón de Australia. Dalí viñeron con dous metais, Fredi Bea, prata, e Rubén Paz, bronce; Tono Campos acariciou o podio pero tivo que conformarse cunha cuarta praza. Ós tres lles quedou unha espiña: os palistas húngaros viñeron moi fortes e conseguiron superalos.

 Na Illa de Arousa tamén presumen de medallistas. Por unha banda está Ramón Ferro, que repetiu bronce en C-2 senior co seu compañeiro Óscar Graña; e pola outra o seu adestrador Arturo Paz. Desta volta decidiu competir no Mundial de Veteráns e conseguiu o ouro tanto en C-1 como en C-2.

Todos serán recibidos mañá pola Deputación de Pontevedra.

Redacción Salnés