Álex Mañas deixa o Arosa

alexmanas.jpgVILAGARCÍA> O centrocampista estremeño xa informou á directiva da súa intención de incorporarse a semana que vén á disciplina dun equipo austríaco de segunda división.

Non vai ser para Vietnam pero finalmente Álex Mañas deixa o Arosa. O centrocampista estremeño comunicou xa á directiva da entidade a súa decisión de incorporarse a partir da semana que vén á disciplina dun equipo de segunda división de Austria. Mañas, que se tiña que ter comezado a adestrar cos arousáns o luns, xa non volveu das súas vacacións de Nadal. Pero a súa marcha á Austria non parece que vaia ser doada. Mañas precisa a baixa federativa, e xa hai un mes e medio, cando anunciara a súa intención de marchar a un conxunto vietnamita, o presidente do Arosa manifestou que non se lle concedería esa baixa a menos que houbese compensación económica. E semella que desde entón a súa postura non mudou. De tódolos xeitos está previsto que nas próximas horas a directiva do club tome unha decisión ó respecto nunha reunión convocada para hoxe con carácter extraordinario.

Redacción Salnés