A conselleira do Mar visita a fábrica en construción de Frigonor ColdStore na Pobra

POBRA> Durante a visita puxo en valor este tipo de instalacións que  promoven a eficiencia enerxética.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as obras da fábrica de transformación e conservación de especies procedentes da pesca que a empresa Frigonor Coldstore está a construír no polígono da Tomada, no concello da Pobra.

Durante a visita, a titular de mar tivo tempo de coñecer algúns dos aspectos do proxecto construtivo, entre eles que as instalacións buscan o aforro enerxético e que conten con procesos máis eficientes e responsables na protección do medio ambiente. Neste sentido, Rosa Quintana lembrou as axudas que o Goberno Galego promove para este tipo de actuacións das que esta firma puido beneficiarse cunha achega duns 7 millóns de euros.

A nova instalación ocupará unha superficie de máis de oito mil metros cadrados  Incluirá dúas plantas para a elaboración, dúas cámaras de almacenamento en conxelación e unha zona para operacións loxísticas e de clasificación con acceso a oito peiraos de carga e descarga. Tamén disporá dun espazo para oficinas e instalacións laborais.

A empresa Frigonor Coldstore pertence ó Grupo Suflenorsa, á que tamén pertence Alicrusa, un almacén frigorífico de produtos do mar cuxas instalacións están emprazadas tamén no parque empresarial pobrense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí