A POBRA> Todo listo na Pobra para acoller as xornadas micolóxicas que acadan este ano a súa oitava edición. Ademais da saída e posterior degustación de cogomelos desenvolveranse actividades cos escolares e unha charla sobre o valor nutricional dos fungos.
Un ano máis, A Pobra converterase este outono en sede das xornadas micolóxicas que acadan xa a súa oitava edición. Os actos principais desenvolveranse na fin de semana do 7 ó 10 de novembro.
O venres 7 haberá unha charla sobre o valor nutricional dos cogomelos e as súas aplicacións gastronómicas a cargo da especialista María Cabaleiro. O sábado terá lugar un obradoiro familiar no centro social de Vilariño mentres que o domingo terá lugar a tradicional saída e posterior degustación, desta volta a cargo do restaurante Nojira.
As xornadas inclúen tamén actividades cos escolares que se desenvolverán previamente como os obradoiros nos colexios de Bandaseca e Cadreche.
Tamén se instalará ata finais de novembro nestes centros educativos, unha mostra das fotografías galardoadas nas anteriores edicións do concurso fotográfico de micoloxía. Lembran dende o departamento de Medio Ambiente que aínda segue aberto o prazo para participar no certame deste ano a través do enderezo apobra.micoloxia@gmail.com.











